martes, 30 de xuño de 2015

XXXI Volta à Arousa: como foi

BEN, GHRASIAS...

É difícil cronicar estando no medio do allo. E sen facer fotos... Menos mal que os amigos da Asociación A Torre mandan enviadas especiais e partillan as imaxes nas redes, porque senón isto ía ser unha reportaxe imaxinaria... que non o é.

Saimos puntualmente... [saimos puntualmente? na Rosalía esquecemos o cronómetro] da linha marcada entre o galeón Rei do Mar e a planeadora do xuiz. Este ano cremos que non houbo pelexas por saídas antes de tempo [houbo?], aínda que algunhas tivemos que ciar para non facer saída en falso, tan milimetricamente tinhamos calculado [mal] o arranque [xa bastante fixemos, sen riló].

Que bonitas brancas velas!!
Non tinhamos moi claro o circuito... Menos mal que na dorna do lado levaban un estupendo gipiese que nos foi marcando a rota [ui, está permitido?]

A rota da Roxinha: vese perfectamente que non fixo a boia de desmarque :P
Enfilamos a boia de desmarque, onde tinhamos que facer unha trasluchada para continuar cara a Punta do Furado [algúns patróns deberían avisar às proelas oxidadas de que toca facer trasluchadas; alá foron tres postos!].

Cantas eramos! Que gosto vernos! [quen nos vise]
Na Punta do Furado, nos estupendos cons que deixamos colocados na tarde anterior, a primeira grande decisión: pasamos por terra ou por fóra? 
Como había unha boa seca e o mar lavaba as pedras, a maioría arriscou, para susto das xentes praieiras.

A Pereka peghadinha a terra...
Tocaches nos cons, Betty Boop? [a imaxe é de Mónica Irago, de LaVozdeGalicia]
Pasado o Furado e chegado o Chufre, apareceran uns refachinhos entre calmas, como sempre que o Campelo xoga co vento. Ese parecía o único problema à vista: decidir como coller o mellor ventinho, pegadas a terra ou saíndo ao canal... [na Rosalía pegámonos a terra e parecía que todo ía maravillosamente, buah, até fomos parellas à Carinhosa!]

Navegando entre bateas...
Seique a cousa alá diante, onde a algunhas xa non nos alcanzaba a vista, a cousa ía coma sempre. Seique a Jalerna e a Nécora andaban a competir cheek to cheek pola tête-de-la-course, perseguidas pola Forza R e a Xarandeira. Seique [a nosa competisión era outra, coa Bandalha e a Zenaida, grrrrrr, que trabamos!].

A Jalerna, pasando momentos de grande tensión.
A Forza R, larghando as camisolas para ir máis lixeira [nota mental: apontar estratexia]
[Non é que tenhamos manía à Nécora por ganhar; é que non encontramos retrato]

Pasado o Con de Tres Pés, outra grande decisión, ou sexa, a mesma: ir por terra ou sair fóra. Como sempre, na Rosalía fomos de perdidas ao río, é dicir, facer o que non fan as campioas, porque seguindo o mesmo caminho non hai quen as pille: case chegamos a Rúa, só por confundir aos bandalhos.

Todo parecía ir ben: o ventinho, o mar tan diferente do do ano pasado, a drisa ben tesada [ben!]... até dar co inimigo inesperado: as barbas de raposo. O dito: 

que levante a man quen atropelou algas co temón!


A única solución: sacar o temón, limpar e perder un par de postos...
A máis afectada, que nós saibamos: a Carinhosa. Até tres veces, tres, tiveron que sacar o temón [aaaaah, por iso chegamos a irlles à par...]

No Faro do Galinheiro, pasado o Carreirón e os seus cons traizoeiros, unha nova trasluchada. Sen perigo. Tranquila. Sen case risco.

E sen presas...
Sen perigo. Tranquila. Sen case risco. A menos que...

Vos emperredes en facer o cambio no mesmo cachinho de mar...
Polo mar do Boído chegaron as visitas....

Dornas mecas da cor do vinho...
E fomos pasando a pasante, case todas [mmmm, quen fixo trampas, a ver, quen?] cun ollo na mancha encarnada da ponte e o outro no ronsel de calma que nos perseguía. 

O mellor: chegamos todas sen orde de retirada da organización [estaba marcada para as oito da tarde], pasámolo ben, ninguén deu quillarriba...

nooooon, nin a Laverca!

... e limpamos o mar de wakame!



sábado, 27 de xuño de 2015

XXXI Volta à Arousa: A clasificación


Os trofeus antes de ter dono...
 Había cinco pares de trofeos. É claro, para as cinco primeiras dornas que cruzasen entre a planeadora do xuiz Lino e a boia laranxa. Só cinco. 
O resto, as que quedamos patrás das cinco, temos a mesma xustificación, ou escusa, chamádelle como queirades: #engharghallamosnasalgas

Así e máis grandes eran as algas....

Como é que as cinco primeiras non engharghallaron, diredes vós? Porque tinhan botado na obra viva unha pintura especial con filtros anti-barbas-de-raposo... Se non, non se entende...

Enfin, o conto quedou así:
  1. NÉCORA
  2. JALERNA
  3. FORZA R
  4. XARANDEIRA
  5. PEREKA
  6. Zoa
  7. Fuxe
  8. Bazarra
  9. Caracola
  10. Zenaida
  11. Carinhosa
  12. Bandalha
  13. Volandeira
  14. Cachi
  15. ROSALÍA :D
  16. Noelia (pasou a pasante por onde debía?)
  17. Papoula
  18. A Fiuza
  19. Lara Doce
  20. Pelijata
  21. Laverca
  22.  Fungona
  23. Maristela
  24. Treboada
  25. Havana
  26. Betty Boop
  27. Calloa
  28. Moura
  29. Trinhana
  30. Roxinha
  31. Chati
  32. Mimela
  33. Marilús
  34. Cormorán de Ons
  35. Caramecha
  36. Acherón
  37. Sapeira
  38. Intrépida
  39. Enayr
Perdín á Lourdes pola lista abaixo. Se os tripulantes lembran onde quedaron, coloco.

E se vedes algún erro, avisade para revisar.



mércores, 24 de xuño de 2015

XXXI Volta à Arousa: o circuito

Despois de revisar os fondeos do Bao, pasamos a facer a revisión e preparación do circuito de Moz-Arousa, onde vai decorrer a Regata do sábado. 

Para as que non vedes a boia, algunhas pistas.
O primeiro é o primeiro:

Xa vos colocamos todas as bateas, cada unha no seu polígano!
Tamén vos puxemos algúns cons no caminho, para lle dar emoción ao asunto...
Mesmo cambiamos de sitio a Nova Marina, para despistar.
E pintamos de encarnado a pasante: lembrade, o encarnado, deixalo sempre por couso!

E agora o recado importante: A Volta à Arousa non agarda por ninguén!


A hora de saída está marcada para as 16.00 horas. E às 16.00 horas vai ser dada a saída. Debedes ter en conta que a Volta à Arousa non é un triángulo. Ten o recorrido máis longo de todo o calendario. É esencial, por cuestión de seguridade, poder acabala con luz diurna, por se hai imprevistos e é necesario sair ao rescate de dornas perdidas.

Por esta mesma razón, insistimos na importancia de anotarvos antes do comezo da Regata. O equipo de salvamento ten que contar cunha listaxe clara de embarcacións participantes para levar un bo control da seguridade. 

Así que, xa sabedes, chegade con tempo para anotarvos e para non atrasar as pitadas de arranque.


Imos para a Praia da Canteira!

Mais para ir antes hai que preparar as boias... polo que hoxe tocou revisión de cabos e fondeos.

Hoxe aprendemos algo novo: só na Arousa se protexen as cambotas de motores com camisolas vellas :D
E aprendemos a pescar cabos ao risón...
Ai, que porquinho tinhamos o aparcadornas do Bao!

Todo cheo de rela...
Vellas boias no fondo.
E boias novas na tona da auga.
Lixo recollido...
Fondeadoiro listo...
E como xa había aparcadornas:

Por fin trouxemos as primeiras!!

A verdade é que este ano andamos un pouco lentas!




martes, 23 de xuño de 2015

XXXI Volta ao mundo

Xa está aquí a proba máis importante do ano. Cadrando co solsticio de verán, para que o sol irradie con forza a travesía, chega a XXXI Volta à Arousa

Despois das dúas sesións de adestramento oficiais, nos circuitos de Inter-Faros e do Sepang-lo, chega o circuito com mais viradas, cons, peraltes e rectas, que nunca até media hora antes, sabemos se será recorrido no sentido das agullas do reló ou à contra: o circuito de Monz-Arousa

Lembrade que para participar no Arousa Gran Prix tedes que estar ao día no asunto dos seguros. 
Lembrade que é obrigatorio levar flotabilidade e remos a bordo. 

Lembrade tamén que a Volta á Arousa é, ante todo, unha festa. 

Vémonos o sábado!!


xoves, 11 de xuño de 2015

De Faro en Faro...

Primeira Regata da Tempada!!!

Este sábado 13 de Xunho, às 12 horas, o exército dorneiro meco agarda por nós no Corgo. Se saimos da Arousa con tempo, podemos pasar por Punta Cabalo e por Rúa para aproveitar e facer todos os faros do sur da ría, se acabamos a Regata dos ÍDEM.

Iso se a chuvia e o vento sur non o impeden... [din @s mec@s que andemos pendentes por se tenhen que adiar até o domingo]. 

Para quen se atreva a ir, preparan cuchipanda. E lembrade: tedes que ter pagho o seguro de navegante se queredes facer parte da regata oficial.